Corinna Larsen, coma Yoko Ono

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

JP YIM

07 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Qué axiña se botaron os xaboeiros rexios a botarlle a Corinna Larsen a culpa das cousas dun señor de 82 anos. Tranquilas: pasou desde Eva ata Yoko, e esa culpa tamén caerá sobre quen se apuntaron a definir os asuntos turbios de Xoán Carlos I como «vida privada» do exmonarca, coma se nunca lesen no salón de peiteado o tamaño das ostras que papaba en Sanxenxo ou o calado do barco que lle agasallaron empresarios agradecidísimos coa súa campechanía. Nada novo: procuren na Wikipedia as sucesivas privacidades dos Borbóns e decataranse de que as republicanas criticamos a sucesión consanguínea porque sabemos que a monarquía serve para pouco máis ca para dar saída a ditaduras, facer vodas para construír xenros, preciosos nenos louros e saídas honrosas que, cando afectan a outros (chámense Puigdemont, Roldán ou Josu Ternera) chámanse fugas. Saben que pasa? Que eu tamén teño vida privada, dúas preciosas nenas louras e amigos poderosos, como ostras e aviso cando viaxo (pero non mando a carta a La Voz de Galicia). E malia compartir todo iso con Xoán Carlos I non me fugo. Quizais por iso hai eco na miña conta bancaria.

 

Teño a obriga constitucional de facerme a monárquica, pero eu, que son loura coma Corinna e caradura coma Yoko, sei que hai cousas que se fan porque se é, foi ou será rei. Igual agora ningún de vostedes votaría a Xoán Carlos, unha vez publicada a totalidade da súa campechanía que tanto contribuíu a agachar a prensa seria deste país. Pero, xusto por iso, verán algún día o seu enterro con honras de rei. Seino porque leo a Shakespeare, que tamén enchía as traxedias de Corinnas e multitudes enfurecidas.

Polo menos, na república as campechanías e privacidades como parapeto tan só duran catro anos.