Dereita extrema

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Joaquin Corchero - Europa Press

04 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron outras eleccións e a Cámara galega segue libre de representantes dunha extrema dereita que está xa en case todos os parlamentos do Estado. O vasco foi o último. Nas eleccións galegas uns subiron outros caeron, algúns non melloraron, outros seguiron igual, pero podemos felicitarnos porque o ovo da serpe siga sen atopar sitio entre nós. É un mérito da cidadanía que ao non votalos condenounos á irrelevancia. Carecen de representatividade para nós. Pero a historia e o que está a pasar no mundo de hoxe dinos que isto pode mudar e que depende de moitos factores que o seu discurso non prenda. Mesmo depende de nós.

Foi mérito tamén das forzas políticas galegas deixar sen espazo aos extremistas da dereita. Nin a esquerda nin os nacionalistas deixaron campo de xogo ao discurso iliberal, autoritario e xenófobo, non entraron no seu terreo nin responderon -case nunca- ás provocacións. Pero tamén foi un éxito da dereita derrotalos en Galicia sen incorporar -apenas- elementos do discurso extremista e intolerante que caracteriza ao novo partido chamado como un dicionario escolar e disfrazado de verde. Nome e cor amosan unha estratexia moi pensada: un nome neutro e unha cor de esperanza que estaba sen dono no mapa político, porque nunca foi ocupada polos ecoloxistas que podían facelo.

Nada de bandeiras preconstitucionais nos seus actos, agás a carlista -branca coa cruz de Borgoña- que abonda para identificalos coa aristocracia feudal da que teñen saudades. Tamén abandonaron as formacións e gardaron as correaxes que os de máis idade luciron na súa militancia falanxista anterior. Nunca quixeron a Constitución nin asumiron as consecuencias da Transición na práctica, nin moito menos no relato, aínda que intenten apropiarse das dúas como exemplo do que chaman concordia. Sobre todo nunca aceptaron as autonomías constitucionais e moito menos teñen respecto ningún pola diversidade nacional, lingüística e cultural. Son, queren e representan o mesmo que era, quería e representaba o búnker cando a morte de Franco. Como puido sobrevivir e multiplicarse esa idea franquista de España é algo que compre preguntarse para poder responderse. Como puido adaptarse aos tempos de hoxe é algo que estamos vivindo.

Falar deles aliméntaos, nomealos anímaos, pero despois dos resultados destas eleccións compre pararse e pensar. No ben que o fixemos cortándolle o paso a esas formas antidemocráticas e intolerantes de entender a política. Tamén en que o asunto vai para longo e depende de factores incertos. Para empezar de como reaccionen Europa e o Estado nesta crise económica que ven de atrás e que vai para adiante no lombo do andazo; e de como responda o Estado composto español aos conflitos institucionais en curso: da monarquía a Cataluña. Nese río revolto as arengas provocadoras neofalanxistas van actuar transversalmente apelando ao pobo, buscando manexar a violencia con linguaxes de violencia que mesturan delincuencia, ETA, comunismo, separatismo, con pobreza e falta de atención ás necesidades dos compatriotas. Sempre co discurso bifronte de Mussolini e dúas ideas claras: a conquista do poder do Estado como explicaron Maeztu e Malaparte e a vontade de Imperio. Hoxe abrazan o libremercado como antes o intervencionismo corporativo ou nacional-socialista.