Os veráns dunha vida

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Todos os anos, ao empezar agosto, acórdome do meu amigo Franchi. Era bondadoso nos seus actos, irónico nas súas palabras e, en xeral, pesimista, e contaba a vida dun modo especial. 

Dicía que vinte agostos converten a un neno que mira o mar asombrado, que busca a man protectora do pai e da nai, nun mozo convencido de que vai comer o mundo e que exhibe satisfeito o seu corpo e a súa boa forma física nas praias.

Vinte agostos máis o converterán nun adulto que loita por manterse á boia no mar e na vida, e que disimula o mellor que pode incipientes ou non tan incipientes michelíns, flacideces, engurras e calvicies. Outros vinte máis e será un sexaxenario que na praia mira con desexo, nostalxia ou tristeza os corpos da xente nova.

E que pasa nos outros vinte agostos? Pregunteille un día. Xa desapareceran algúns dos amigos de mocidade. El estaba enfermo, pero aínda o ocultaba. Encolleuse de ombreiros. Non o sei, contestoume, pero supoño que estará contento por sobrevivir e triste por perder aos amigos.

Hoxe suxeiteime á cintura a boia de nadar en augas abertas, fun mar adentro ata o límite permitido, e quiteime as lentes para chorar a gusto. Despois tombeime boca arriba e gocei do silencio, do aroma e da caricia do mar no meu vello corpo. Tiñas razón , querido Franchi.