O código Que Erre

Xavier Alcalá
xavier alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

03 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En tempos da pandemia estanse a producir avances que fan pensar na maxia. Moitos teñen que ver coas aplicacións da telemática. 

Un deles, rechamante, é o dos menús que aparecen na pantalla do teléfono móbil logo de enfocármolo a un debuxo de cadradiños na mesa do restaurante.

Hai pouco, un político anunciaba esta novidade en galego presionado polo castelán. Falou do código Cu Erre, causando grande hilaridade.

Referíase, en realidade, ao código QR, por tanto Que Erre en galego-portugués.

Fóra chanzas, ese código -xaponés- denomínase coas iniciais de Quick Response, resposta rápida na lingua franca da tecnoloxía. É fillo do código de barras unidimensional, lineal, que contén secuencias de 0 e 1 correspondentes a letras e números codificados.

O código Que Erre fai o mesmo, mais con moita máis capacidade de informar, pois é bidimensional: un cadrado dividido en cadradiños brancos e negros de diferentes tamaños. A cámara do móbil cáptaos e un programa interprétaos como as secuencias das barras, mais en dúas dimensión.

A información interpretada fai que o móbil se conecte cun servidor da web onde reside a carta do restaurante. Dese xeito os comensais manexan só un obxecto propio, a pantalla táctil de cadaquén, non un obxecto de uso xeral, a carta, que gardaría virus a transmitir a outros clientes.