Vicio na praia

Miguel Sande Corral
Miguel Sande DE COTÍO

OPINIÓN

02 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Útimamente caín nun vicio -non sei se chamarlle así- que nunca tiven antes, o de apañar ollos de boi polas praias, dun extremo a outro. Vexo que hai moitas persoas coa mesma ansiedade tentando de recoller ollomaos onde morren as ondas no momento en que a auga remove pedriñas e cunchas entre os pés.

Seica traen sorte; non sei en que se sustenta tal crenza, pero a verdade é que cada vez que teño atopado unha destas cunchiñas ou máis dunha, gañei un premio; supoño que algo terá a ver o meu traballo e a sorte de que non se tivera presentado a eses certames alguén con máis talento. Outras veces doullas ao meu fillo no tempo de exames por probar o seu efecto fronte á Física Cuántica ou á Nuclear. Sempre quedo coa dúbida.

Este día, andando pola area desde Baldaio case que ata Razo, pensei que de atopar un deses amuletos pediría con toda a forza no puño e os ollos ben pechados que se parase o ERE para máis de cincocentos traballadores de Alcoa, que viven con angustia estes últimos días de negociación do despedimento colectivo.

Polo momento non dei con ningún ollomao; quédame esta fin de semana, pero tampouco non sei se abondaría. Sería mellor que o Goberno intervira, que achasen algunha outra solución. Iso que hai moitos ollos de boi nas praias da Mariña, sobre todo nos areais de Barreiros, onde mais abundan.

Acabar a tarde cun café de cápsula nunha foodtruck co mar de fondo escoitando cancións charramangueiras de verán, é algo parecido a iso que entendemos por felicidade. A poder ser cun ollomao no peto e a sensación sempre ao pórse o sol dunha ausencia na man. Branca.