Irresponsábeis

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Román Ríos | Efe

Liga nunca debera retomarse. Mentres os cines están pechados e os teatros a medio gas, mentres as festas e verbenas se eliminan e os concertos esixen quietude, mentres nas praias paseamos con máscara e se nos lembra que unha simple comida familiar é unha bomba de reloxería, permitimos que o fútbol volva aos estadios. Se, ante a trapallada da última xornada de Liga, o Dépor espernexa e a alcaldesa da Coruña ameaza con accións legais, é porque o discurso, do que xa imos fartas, non pode ser responsabilizar á cidadanía do que debe xestionar o Estado. Non me poden dicir que pasee por un areal con máscara mentres ninguén controla que seis futbolistas poñan os pés nunha cidade practicamente libre de covid-19, supoño que confiando en que o divino don do fútbol para á inmunidade fiscal se estenda á saúde, fachendeando diso tan típico dos futbolistas, a superioridade do neno rico que esquiva á mantenta o ben común. Hai persoas así, e por tanto hai equipos, empresas e partidos políticos así.

Déixense de apelar á responsabilidade de cadaquén. Non pidan sentidiño se quen ten que tomar medidas titbea. Paguen rastrexadores, sexan valentes e pechen bares, edificios, suspendan a Liga, contraten mestres e déixense de que a atención primaria funcione a medio gas. Pode que, se alguén tomase verdadeiramente en serio todo isto, o Fuenlabrada non se atrevese a facer o idiota. Porque xa se sabe que a responsabilidade se consegue con cartos e iniciativa institucional, e moitas cidadás negámonos a cargar coa culpa da irresponsabilidade dos nosos conveciños. A culpa de verdade téñena eses que cren que as pandemias se xestionan desde cada casiña.