Botellón

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

ANGEL MANSO

24 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín e crecín no Ourense vello, no corazón dos viños. De nena, os sábados e domingos volviamos da aldea á noitiña, co maleteiro cargado de verzas, patacas, cebolas, tomates ou pementos; e chegar co coche á rúa na que me criei era coma ir en procesión coa confraría dos tristes excesos. A meirande parte das veces eu pechaba os ollos, pois a aglomeración de xente intoxicada nas estreitas rúas do meu barrio era coma unha bomba de reloxería interna. De súpeto, tódalas desgrazas posibles aparecían na miña mente: e se soben ao capó? E se rachan a fiestra do coche? E se ao meu pai se lle escapa o pé do freo? Cos anos, fun collendo medo ás aglomeracións até o punto que chegou un momento no que nin sequera me era posible traballar en lugares nos que soubera que as ía haber. Aos 22 anos fíxenme abstemia por convicción e comecei a evitar a vida social nocturna.

Cando esta semana lía que, por causa da pandemia, prohibían o botellón en Galicia, pensei que quizais esa podería ser unha das consecuencias positivas destes tempos. Confeso que non sabía até que punto era legal, nin as razóns polas que se aceptaba. A normalización do botellón é un fenómeno sociolóxico ben estudado, e é unha consecuencia da nosa realidade social. Pero nos parques do meu barrio unha pode observar o constante proceso de iniciación á adolescencia a través do consumo masivo de bebidas alcohólicas, e tamén ver as tristes e permanentes consecuencias do mesmo.

De tódolos xeitos esta prohibición é simbólica, pois non é aplicable no caso de haber unha festa ou verbena popular… así que, nunha fin de semana festiva coma esta, seguiremos coma estabamos. Aínda que a intención era boa.