Volver ás aulas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

23 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que sabemos que o covid-19 se transmite polo ar e que os expertos din que podería ser tamén patóxeno para nenos e nenas, pregúntome por que non temos nin idea de como será a reincorporación ao ensino en setembro. Neste país, que se preocupou antes polos bares ca polas aulas, segue sen haber resposta ás familias que xa non se preguntan se as súas fillas e fillos estarán seguros, porque xa saben que non o estarán, nin os nenos nin as persoas que os bican. Por outra banda está o profesorado, exposto a cinco horas seguidas de contacto en aulas pechadas e repletas. O silencio da Consellería de Educación neste sentido é clamoroso. A día de hoxe só hai reflexións vagas, máis auspiciadas pola vontade dos centros ca polas autoridades educativas, sobre a posibilidade da telepresencialidade ou sobre a limitación do número de alumnos por aula, cousa curiosa sabendo que case ningún centro está preparado para asumir tecnoloxicamente a telepresencialidade; e tampouco se estabeleceu ningunha medida de contratación de máis profesorado, nin menos o fornecemento de recursos ante a posibilidade dun novo confinamento domiciliario, coma se nas medidas económicas para paliar os efectos do coronavirus non houbese partidas destinadas para iso.

Estamos felices nas praias parceladas sen pensar que coa fin do verán non só rematarán os amores pasaxeiros, senón esta calma chicha que tan ben aproveita Educación para botar balóns fóra. Pero o perigo segue aí, nos chiringuitos, nas discotecas e nos pequenos pulmóns da cativada berrona que está desexando volver ás aulas e ten dereito a facelo feliz e segura, coma os seus mestres. A que conselleira aplaudiremos ás oito nos balcóns cando as nosas fillas se contaxien?