«La vida sigue igual»

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

20 jul 2020 . Actualizado a las 05:01 h.

Cando Fraga gañou as eleccións galegas de outubro de 2001, a sensación de fracaso do nacionalismo e da esquerda foi enorme. A contrariedade transcendeu aos partidos, a frustración foi social, xeracional, sindical, e materializouse semanas despois, como por arte de maxia, nunha inesperada mobilización universitaria contra o proxecto de Lei Orgánica de Universidades (LOU) aprobado no Congreso pola maioría absoluta do Goberno Aznar. Foi unha mobilización imprevista e impensable nas dimensións que adquiriu, que mobilizou dende Compostela aos campus galegos, despois a moitas universidades españolas, e logrou modificar o desenvolvemento da lei. Mobilizacións tan intensas e longas constrúen tecido, cultura e organización. A anti-LOU foi ademais unha escola de cadros para a esquerda e o nacionalismo. Un ano despois chegou o Prestige e nas mobilizacións que seguiron aquela crise, na capacidade de reacción social e política da sociedade galega tivo moito que ver a experiencia acumulada no ano previo. Compróbese, está contado día a día no primeiro borrador da historia, como gustaba chamar aos xornais diarios o editor de The Washington Post.

Ao día seguinte da cuarta maioría de Fraga a vida seguía igual. Aquel xornal dixital pioneiro que se chamou Vieiros resumía así o ano 2001: «Nada cambiou no século XXI galego. Basicamente seguen a gobernar os mesmos, coas mesmas políticas e cos mesmos actores, aínda que ao longo do ano houbo momentos nos que parecía que se argallaba algunha posibilidade de cambio». Calquera redactor novo podería escribir o mesmo agora do pasado inmediato, pero tampouco agora o futuro está escrito. Todos aprenderon moito dende aquela, ou non. A campaña contra a LOU, a crise do Prestige, os conflitos pola sucesión de Fraga botaron as nasas que recolleron cargadas dous partidos que competían para gañar as eleccións en 2005. O traballo empezou ao día seguinte. Empezóullelo a sociedade máis ben.

Hoxe, xullo de 2020, a frustración da esquerda e o nacionalismo, a social, a xeracional e a partidaria non sei se semella a aquela. O que de certo vai ser igual é a actitude dos gañadores. Coma entón, o PP respira aliviado e confiado e probablemente tamén empezará a buscar sucesor a Feijoo. Tampouco agora o PP non deu perdido o Goberno: a inercia e a falta de ideas novas pesaron menos que a incapacidade da oposición. O que seguro que vai seguir igual son as políticas dos que gañaron as eleccións, na universidade, en industria, na educación... Onde menos se espera saltar a lebre e hai materias pendentes moi potentes: sanidade, atención aos vellos, abandono territorial, envoltas na incerteza deste andazo. A sociedade, coma no 2001, está alerta, sexa pola crise do coronavirus, sexa pola crise que vai vir. Todos aprenderon moito da lección de hai vinte anos, ou non. Aprendeu o PP, non sei se no PSOE e o BNG queda memoria daquilo. Por moito que aprenderan o futuro non está escrito e a historia segue sendo imprevisible, os acontecementos e as crises organizan posibilidades inesperadas. Ademais dos partidos sempre hai unha sociedade capaz de protagonizar o presente.