O outro lume, o de verdade

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ADRIÁN GONZÁLEZ

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Son consciente de que estes días estamos centrados no lume político, ese que, visto desde lonxe, segue exactamente igual a como estaba. Si, debemos mirar de preto, seino, pero para quen viva alén das nosas fronteiras máis habituais, podería dicir axiña que aquí case nada mudou, ata fixarse no miúdo. Pero eu quería falar doutro lume, o de verdade, o que arrasa montes. Parece que só nos lembramos del cando o temos ao carón. Porque o lume é así, de lonxe... só é fume. Cambia unha letra e muda todo. Mais cando o temos cerca, queima aínda que non o toquemos, abrasa, derrétenos a pel e a terra, o aire, o mar, e o osíxeno.

O lume xa chegou. Coa primeira caloriña do verán e o intento de normalidade... plum! Os incendios. Eles si que non faltan á cita xamais. Que cousa, che! Que puntualidade! E mentres, nós... nada. Pasan os anos, os gobernos, e o coidado do monte segue sendo o mesmo que hai séculos, esaxerando un chisco. Quizais daquela a xente apañaba a leña polos camiños, todo valía por mor das necesidades e o campo estaba máis limpo e menos contaminado ca nunca e, sobre todo, máis valorado. Así que, para os desmemoriados, aquí están de novo as lapas, esas linguas incandescentes que poden tragar unha vida. O lume debera asustarnos tanto coma os feros dragóns deixan sen sono aos cativos. Pero claro... os nenos moitas veces teñen máis sentido común ca os adultos. E así nos vai, queimando hectáreas, ata que o último alento da nosa terra se esgote.