A demografía, e non so incrementar a natalidade

Miguel Anxo Bastos Boubeta PROFESOR TITULAR DO DEPARTAMENTO DE CIENCIA POLÍTICA E DA ADMINISTRACIÓN DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

O problema de priorizar obxectivos dun novo Goberno é que normalmente son os problemas os que priorizan e non os gobernos. Os problemas que vai afrontar o novo Executivo da Xunta non foron escollidos por esta, e máis son problemas nin sequera imaxinados hai seis meses. Nin a crise sanitaria derivada da pandemia, nin a subseguinte crise económica ou a potencial crise social obrigaron a todos os gobernos do mundo a alterar as súas prioridades tanto organizativas como económicas e destruíndo centos de plans que tiñan para resolver os seus conflitos. E non só agora, pois se observamos a historia política recente, non só do noso país senón de todos, observamos que as prioridades están sempre a mudar por mil e un factores non previsibles. Crises económicas, problemas de terrorismo islámico, catástrofes ambientais, etcétera, mudaron de repente os plans dos gobernantes, e isto continuará a acontecer sempre. Quen lembra os debates ou proxectos políticos de febreiro deste ano? Desapareceron case por completo da axenda pública. Por isto penso que o principal obxectivo do novo Goberno debería ser máis o deseñar unha Administración resiliente aos problemas, isto é, que continuase funcionando nas circunstancias máis adversas, e non deseñar obxectivos que moitas veces non poden ser cumpridos.

Pero dado que este modelo de Administración levaría a moitos cambios nela e hai que escoller unha prioridade, entendo que o principal problema que tería que afrontar a nova Xunta é o problema da demografía galega. Na nosa comunidade non chega a un millón de persoas as que están activas no laboral, e ese millón ten que afrontar os gastos de cada vez máis cidadáns que, ben pola súa corta idade, ben por atoparse na merecida xubilación non poden contribuír da mesma forma cos activos á atención das necesidades da nosa sociedade. De non mudar a dinámica, os cada vez menos activos van ter que contribuír cada vez máis ás necesidades de cada vez máis persoas, e non só iso, será unha sociedade sen dinamismo económico. Como ben di sempre o profesor Venancio Salcines, se Galiza tivese uns cantos centos de miles de habitantes máis sería sen dúbida unha das rexións máis punteiras de España. Pero a demografía é complexa e non é só incrementar a natalidade. Algo moi complicado, pois non depende tanto de políticas públicas como de hábitos culturais, e non é un fenómeno só noso senón de boa parte do mundo moderno.

A mellor política sería a que conseguise que a nosa mocidade mellor preparada non só non tivese que emigrar, senón que nin sequera o pensase, e que os xa emigrados retornasen. A prioridade deberían ser moi especialmente as políticas de vivenda e telecomunicacións que facilitasen a vida nos seus lugares de orixe sen ter que perder os vencellos familiares, garantindo ao tempo un mellor coidado dos nosos maiores. Pero, por desgraza, temo que as prioridades da nova Xunta van ter que ser outras.