Mirar cara outro lado

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Eduardo Parra - Europa Press

07 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un días falaba que é, en moitos aspectos da vida, mirar cara a outro lado, porque sae barato, non só economicamente falando. Evítase o desgaste emocional, social... o esforzo, o compromiso. Tamén teño dito que necesitamos condenas exemplares que se cumpran integramente. Pois ben. Acabo de ler un titular que fala das dúas cousas xuntas: unha condena exemplar a un violador, e tamén a un amigo deste por quedar mirando sen socorrer a vítima. A Audiencia Provincial ditou penas de varios anos de cárcere para agresor e colaborador indispensable.

Paréceme estupendo. É un xeito de «axudarnos» a lembrar que non serve mirar cara outro lado. Ademais, en galego, para mirar de fronte, fixamente, temos unha locución marabillosa. Mirar en fite é mirar sen arredar a vista. E iso é o que debemos facer coas inxustizas, miralas aos ollos e non permitilas.

Xa está ben de facer a vista gorda con elas. Acaban volvéndose contra nós. Xa sabemos que o mellor é sempre a prevención. E, se a saltamos, para iso temos a xustiza e as penas. Que sexan exemplares, coma esta. Aínda que ás veces doa, o mellor é, sempre, ir de fronte. Amosando a cara e con decisión. Oxalá esta práctica de castigar ao que axuda a cometer o delito se estenda, porque mirar cara a un lado non debe eximir da culpa. A conciencia debe volver tomar o valor que merece e converterse en piar imprescindible. Para iso somos unha sociedade avanzada.