Asubiar

OPINIÓN

María Pedreda

29 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre asociei o asubío á aldea en que pasaba algúns veráns cando me espreguizaba naqueles colchóns de cosco que renxían con cada movemento do corpo, e escoitaba o canto dos paxaros que abrían a mañá coa súa alegría rebuldeira. Máis non só. O avó tamén pasaba o día asubiando coma un perfecto xílgaro e algúns dos meus amigos presumían do remedo que facían doutros paxaros. Esa música dalgún xeito era a banda sonora da infancia, e ficou aí coma unha lembranza amable durante moito tempo até chegarmos a Boiro e coñecer a Carlos, o veciño perfecto, unha sorte de pai emprestado que sempre estaba aí, discreto, nunha distancia educada e afectuosa, para o que precisases. El tamén levaba a infancia nos beizos cada vez que asubiaba mentres lía o seu exemplar de La Voz de Galicia. Malia vivirmos no centro da vila, escoitar a súa alegría afinada era como estar na aldea, que el prolongaba con plantas no noso portal. Estes días, afectado pola súa enfermidade terminal, alarmoume a falta de sensibilidade da presidenta da Comunidade de Madrid para con moitas desas persoas que morreron soas nas residencias. Non deixaba de cavilar na dor de tantas familias que non puideron despedir aos seus. Esa sensación de impotencia debeu de ser algo terrible para o enfermo e os achegados. Por iso, esa irresponsabilidade caprichosa de Ayuso, asubiando para outro lado, coma se non pasase nada, fíxome sentir un arrepío de certo noxo. Por sorte, o meu veciño Carlos tivo estes días unha morte digna acompañado polo amor e o cariño de toda a súa familia. Emocionoume saber que un dos meus últimos artigos o tiña pendurado na porta do frigorífico. Por iso, para el, e tamén para quen non morre acompañado, vai este meu asubío triste que só quere ser un canto de volta.