Símbolos positivos

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

26 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia da bandeira arco iris que representa ao movemento LGTBIQ+ comezou en California, no ano 1978, co artista e activista estadounidense Gilbert Baker. O deseño orixinal da bandeira tiña oito cores, cada unha co seu simbolismo, pero por cuestións prácticas dúas desas cores foron desaparecendo para dar lugar á bandeira que temos hoxe: un arco iris de seis cores.

A idea de crear unha bandeira como símbolo do movemento político que estaba a comezar tivo a súa orixe no círculo de amizades de Baker, que incluían ao histórico político Harvey Milk. Baker nunca a rexistrou, pois, segundo a súa web, a bandeira, coma tódalas bandeiras, tiña que ser de dominio público. Viviu da súa arte, e levou a cabo momentos de activismo históricos, como cando creou unha bandeira dunha milla (1.600 metros) para conmemorar o 25.º aniversario das revoltas do Stonewall, ou cando reaccionou á elección de Donald Trump creando unha serie de uniformes de prisioneiros cun triángulo rosa no peito, unha referencia ao xeito que tivo o nazismo de etiquetar a homosexualidade nos campos de concentración. O triángulo rosa permanece como símbolo, pero a bandeira arco iris representaba unha idea máis global e positiva do momento histórico no que nacía.

Estes días, lendo as diferentes reaccións á campaña de Correos #NoSoloAmarillo, na que a compañía estatal lanzou un selo conmemorativo coa bandeira arco iris e cambiou o amarelo polo arco iris nalgunhas caixas de correos e furgonetas, deime conta de que a homofobia, coma o racismo, segue a ser politizada, dun xeito que ás veces nin sequera é visible, e é precisamente esa invisibilidade a que máis nos debería preocupar.