O Derby, de onte a mañá

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

20 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocafé bar Derby pechou, non só para os moradores de Compostela senón para boa parte dos galegos e dos visitantes globais. Ao fío da noticia, o pesar e os eloxios inundan o ambiente urbano. As arquitecturas interiores están protexidas desde 1998 polo Plan Especial da cidade histórica. Tamén as zonas verdes, que agora merecen tantos eloxios, foran deseñadas no Plan Xeral en 1989.

Bendita urbanística. Gústame recuperar esta palabra nun momento en que é posible que a nosa sociedade diversa, individualista e epidérmica, atemorizada ante tantas crise, se atreva a transitar cara a outras formas de relación, menos banais.

A urbanística implica unha visión do todo, as cuestións da ordenación urbana, arquitectónicas, sociais, económicas, culturais. De que vai, senón, a cidade? O planeamento foi pouco a pouco burocratizándose, tecnificándose, enchéndose de normas que dificultan a visión do contexto xeral, da filosofía da cidade; mentres, a arquitectura é cada día máis obxectual e non quere saber do que acontece no contorno de cada proxecto.

A urbanística para o Derby o que realmente buscaba era gardar o seu espírito. Esa vai ser a clave do novo Derby. Non só consiste nun proxecto empresarial ou nunha reprodución melancólica do que había. É máis. Intuír, deseñar, promocionar unha nova forma de estar para este século, na que concorran xentes de todo o mundo, unha miscelánea de idades e de linguas, amigas con amigos, escritores, políticos, xogadores de xadrez, músicos e música... O faladoiro serve para distribuír a sabedoría e o coñecemento e para mellorar a capacidade dialóxica, para recuperar a palabra no seu esplendor nun ámbito onde se poida falar sobre todo das diferenzas mesturadas con cafés, sándwichs ou copas.

Un proxecto que implique a administración municipal, que poña de acordo propiedade e emprendedor en torno á demanda cultural dunha sociedade que se enriquece co intercambio e a variedade dos públicos ao longo do día.

Compostela semella aletargada. Teño escrito en La Voz de Galicia sobre a necesidade dun museo da cidade, ou dunha declaración de Compostela para a nova Europa aproveitando o ano xubilar. Jack Lang, co que tiven relación en torno á ideación dunha Fundación Europea do Camiño de Santiago, contoume o que fixera como ministro de Cultura para que non pechase o restaurante Fouquet’s nos Campos Elisios.

O demais é nostalxia que converte o pasado en lenda, ou unha entrada para un réquiem.