Desaparecidos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

17 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Trinta anos despois retoman o caso da desaparición do doutor Cuadrado. Os avances científicos, concretamente no estudo do ADN, fan que as probas que hai anos non botaban luz sobre o caso o fagan agora.

Non é a primeira vez. O caso de Eva Blanco tardou dezaoito anos en atopar un culpable. Cando xa parecía imposible, o ADN falou de coincidencias.

Atráenme especialmente os casos sen resolver. É tan complicado... Parece que a terra, ou o mar, tragase persoas. E claro, así é imposible seguir pistas. E, ademais, non todo poden ser pistas, hai que dar con evidencias, algo que, por veces, se complica. Onde están Rosa María Arcos ou Sonia Iglesias? Non se sabe nada delas desde hai vinte e catro e dez anos, en cada caso.

E Yago? Hai case un ano que Ortigueira silenciou a súa vida.

É desacougante pensar que un día podes desaparecer para sempre e nunca máis se saiba de ti, nin que foi o que pasou.

Doe. Como non vai doer? Unha perda sempre doe. Pero a incerteza é demoledora. Por iso tamén entendo que os investigadores que non dan con respostas se desesperen e non sexan quen de desapegarse dos casos que quedan en incógnita.

Grazas por esa responsabilidade, por ese tesón, por non abandonar xamais. Non é curiosidade o que me chama deses casos, é a empatía coa familia, o poñerme no seu lugar e pensar na couza que xamais deixaría de rillar en min, impedíndome o descanso.

Os profesionais fan o seu traballo. Evitemos, daquela, os xuízos paralelos, coma no reactivado caso de Madeleine McCann.