Cando unha pisa por primeira vez EE.UU., decátase de que persiste un certo apartheid malia a revolución prodereitos civís dos sesenta, que logrou xerar unha conciencia antiracista, antimachista e antifascista en boa medida traballando cos produtos culturais masivos. É nese contexto en que se explica a crítica aos filmes que simplifican o debate racial, a proposta de facer ficcións que cuestionen a microxenofobia cotiá, ou a demanda de suspensión de realities coma Cops, que aplauden a brutalidade policial e promoven a imaxe «poli branco agrede delincuente negro/latino para salvarnos». Pero é iso o mesmo que eliminar da grella de HBO o clásico de Hollywood Foise co vento? Non é inxenuo crer que ocultar aquilo que fomos pode resolver aquilo que somos? Non será máis ben un produto do moralismo bempensante que todo o confunde e que tapa cun xesto mediático a incapacidade das grandes empresas para saír do mainstream que, como tal, sempre é racista, machista e individualista?
O asasinato de George Floyd é un foco aceso sobre unha realidade que segue presente cando as luces se apagan, e que ten que ver cun racismo que existe tamén aquí, o da hipocrisía autocompracente que perpetúa as inxustizas sociais: «Eu non son racista, pero...» É fácil eliminar dunha parrilla Foise co vento, unha peli que xa viu todo o mundo, para dar unha pátina de «compromiso» antirracista, malia irreflexivo e simplón. O difícil é deixar de emitir un reality que normaliza para o mundo enteiro o máis noxento racismo e asumir as perdas millonarias causadas polo tirón de orellas ao público, ese que pola mañá se manifesta contra o inxusto asasinato de George Floyd e pola noite ve Cops mentres cea unha enorme hamburguesa.