A odisea do xogador do Mónaco Keita Balde para intentar axudar aos xornaleiros da súa cidade natal, Lleida, debería facernos reflexionar sobre o racismo sistemático que acontece arredor de nós.
Todo comezou cunha charla virtual do actor Paco León con Serigne Mamadou, o portavoz da plataforma #RegularizaciónYa. A situación de 200 traballadores da campaña da froita de Lleida chegou aos ouvidos do afamado xogador Keita Balde, que, á súa vez, contactou coa activista antirracista Nogay Ndiaye para que lle axudase a mellorar a situación desas persoas que, traballando para outros, estaban vivindo na rúa. Segundo declaraba ela ao diario As, cando a contactou Balde «díxenlle que ía ser difícil; aquí custa moitísimo conseguir un piso para unha persoa non branca», e así comezaron cun proceso que foi revelador para o propio xogador. Pois a pesar de poñer os cartos por adiantado, a meirande parte dos hoteis da súa cidade déronlle un non por resposta.
Confesaba Balde que quería colaborar de xeito anónimo «pero tiven que saír á luz para conseguir un sitio onde hospedalos (...). Non busco unha guerra social ou moral, nin de raza, nin de orixes. Busco solucións para axudar a estas persoas». Entón o concello interveu, e de súpeto apareceron 110 habitacións, cando Balde e Ndiaye xa conseguiran alugar un edificio para acoller a 90 traballadores.
Estes días penso nos cambios que temos que iniciar na nosa contorna para lograr a xustiza social. Os microrracismos son tanto ou máis perigosos que o racismo institucional no que se instalaron as nosas vidas. E quizais deberiamos comezar por abrir os ollos para velo e a escoitar para entendelo, para así poder actuar para cambialo.