A porta do 4.º B

OPINIÓN

María Pedreda

28 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os días, cunha precisión suíza, os meus veciños do 4.º B, que xa entran na franxa dos maiores, saen dar un paseo ás sete da tarde e volven ás oito menos un minuto. O renxer da súa porta certifica o civismo desa rutina. Son un exemplo, aparentemente normal, que pon medras no noso optimismo, pero, cando saímos, uns minutos despois, coa máscara e as nosas prevencións, no espazo de tempo asignado por idade, comprobamos que no exterior hai outros veciños que non teñen a mesma visión do mundo e que che devolven as ganas de volver para a casa.

Por iso comprendo a un meu amigo que, logo de poñer o pé fóra hai tan só un par de días, decidiu volver ao confinamento. A súa demora por non seguir a pauta da desescalada fixada polo Goberno debeuse primeiramente a que quería exercer o seu dereito de liberdade á inversa. Nada de medo á pandemia, nin vítima de calquera hipocondría. Só un desexo firme de estar á marxe do rabaño. Pero cando o outro día saíu co ánimo de redescubrir a vila e probar os primeiros pasos co mesmo abraio de quen bota a andar por vez primeira viu que moitos veciños exercían a súa liberdade dun xeito moi diferente ao seu. E, conforme andaba, viuse a el mesmo coma un policía que non deixaba de reparar na xente sen máscara, nas bicis que circulaban fóra de horario, nas terrazas que non respectaban os dous metros, nos rapaces amoreados no parque, nos intrusos que andaban nesa praia que axiña se ía parcelar... Por iso, cando chegou á casa, esgotado, chamoume para me dicir que ficaría dentro, á espera de que se consolidase a nova normalidade. Díxenlle que entendía a súa decisión, mais tamén o avisei de que eu seguiría saíndo porque para min o mundo xa volvera á normalidade co renxer civilizado da porta do 4.º B.