As máscaras

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

26 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Son dous compañeiros de traballo. El ten tres fillas, ela un neno e unha nena. Quizais isto de ser proxenitores é do pouco no que teñen moito en común. Pero xustamente isto, a vida, é o que verdadeiramente importa.

Son compañeiros de traballo. Podería dicirse que ocupan departamentos opostos.

O outro día, el levoulle unhas máscaras de debuxos para os seus nenos. Ela agradeceullo, ao que o compañeiro replicou que non tiña nada que dicir.

Nisto están de acordo: estamos metidos ata o pescozo na pandemia e temos que intentar levalo do mellor xeito posible para non afogar.

Tampouco tería que ser unha nova sorprendente, verdade? Pois éo, polo simple feito de que ela é de esquerdas e el de dereitas. As ideas políticas, xa saben, están polarizando e dividindo o mundo.

É máis. Ela é do PSOE, el do PP. Inés, alcaldesa da Coruña, e Antonio, concelleiro da oposición. Por riba, puxérono nas súas redes sociais! Foi público!

E, saben que lles digo? Así si.

Ai, que sinxelo sería que todos comezásemos polo importante e logo foramos puíndo as arestas do máis específico. O primeiriño ten que ser o esencial. Logo virá todo detrás. Pero non, estamos tan revoltos que xa non somos quen de distinguir o gran da palla, e ata penso que tampouco se a palla está no ollo propio ou no do outro.

Oxalá poidamos quitar as máscaras axiña, con seguridade. Pero o que máis me gustaría é sacar as outras máscaras, sobre todo as políticas, e poder apertarnos de verdade. Quedarnos só con iso que chaman «ser persoas».