Diáspora en rede

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

25 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sería innecesario, por tópico, falar de que a pandemia está a forzar hábitos, un deles o de substituír encontros presenciais polos virtuais case equivalentes. Cada 17 de Maio coincide o Día das Letras Galegas co Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información. Esa data do 2020 (ou MMXX) xa pasou á historia polas celebracións de modo telemático en ambos eidos.

Desta volta houbo un tele-debate co título Desafío 2030: Conectar Galicia ao mundo rexido polos datos. Interviñeron os presidentes da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e da Asociación PuntoGal, responsable do dominio da Internet que coloca Galicia no espazo cibernético. En canto eles interviñan, os tele-asistentes mandábanlles preguntas e achegas. Delas e das respostas tiráronse conclusións de vulto para seguir a mallar mesmo en ferro frío.

E houbo unha que cómpre salientar: nun mundo hiperconectado nunca tanta importancia tivo sumar a Galicia territorial e a da diáspora. No contexto do debate primou a posible rede de galegos dedicados ás TIC, moitos con vontade de retorno á terra de orixe. Mais, ¿cal é a área de coñecemento que non se poida conectar? ¿Non se debería ir pensando nun «goberno virtual global da galeguidade»? Coa ollada no ano MMXXX, se cadra, cómpre iniciar xa o proceso.