Anónimo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Gustavo Amador

18 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Que queren que lles diga? Non sei que pensar. Vexo que hai moita polémica por coñecer ou non o nome dos doce expertos que están asesorando ao Goberno para establecer os distintos criterios deste confinamento por comunidades autónomas. Se eu fose un deses expertos... quizais quixera manter o anonimato. Non porque non estivera a facer ben o meu traballo, nin tampouco porque deixara de ser responsable. Mantería o meu criterio, baseado en fundamentos da miña área, pero... estaría preparado para o linchamento posterior?

O que menos vin mudar nesta pandemia foi a capacidade de crítica destrutiva. Se traballan, que irresponsables. Se non traballan, porque pechan e aproveitan para aforrar soldos. Se aplauden, porque o que fan non é para tanto. Se non aplauden, ben o merecían. Se fan unha doazón, buscan notoriedade. Se non a fan, usureiros.

A ver quen se atreve a dicir ou facer algo, ou arrimar o fociño polas redes sociais!

De verdade non imos aprender nada? Somos inmensamente vulnerables. Un virus microscópico está varrendo vidas. Vidas!!! Máis dun cuarto de millón. E nós preocupados por quen son eses señores que deciden que comunidade cambia de fase. Vale que o Goberno igual non dá moita garantía de nada, con tanto baile para arriba e para abaixo. Pero, sinceramente, entendo que os expertos pensan que estamos nunha pandemia. Pénseno tamén vostedes, case 300.000 mortos.

Saben que quero? Que acabe isto. Non vou pedir empatía, seica non nos define. A ver se polo menos temos sentidiño.