Desconfinando a lingua

Marcos Maceira EN LIÑA

OPINIÓN

Carlos Castro

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Noutras condicións, no 17 de maio dedicado a Ricardo Carvalho Calero participarían centros de ensino, institucións e todo o asociacionismo lingüístico e cultural galego, que tantos esforzos fixo para que por fin se lle dedicase o Día das Letras. Lembrarían e difundirían toda unha vida e obra dedicada a desconfinar o galego, como estudante no Seminario de Estudos Galegos, como primeiro catedrático de galego na USC ou como conferenciante en ducias de xornadas, como aquelas que -en 1986- deron lugar á constitución da Mesa pola Normalización Lingüística.

 

E a sociedade enchería, de novo, as rúas de Compostela, mostrando a súa vontade de avanzar na defensa do idioma, aínda sen o soporte das institucións, que, cando non se absteñen na tarefa de defender a nosa lingua, é para actuaren na súa contra.

Organismos internacionais como o Consello de Europa e mesmo a ONU, a través do seu relator especial para os dereitos das minorías, poñen en evidencia a emerxencia lingüística que padece a sociedade galega, e recórdanlle ao Estado e á Xunta que deben actuar para combatela. É obriga do Goberno galego pórse á fronte da normalización do noso idioma.

O galego leva moito tempo confinado. Demasiado. En espazos de uso reducidos, coa súa liberdade de circulación restrinxida, mesmo cando non precisa pasaporte para o relacionamento directo co resto de variantes do galego-portugués ao que pertence. Non falamos de concesións graciosas. Falamos dos dereitos e dos deberes correspondentes, de xustiza, de igualdade e da cohesión social, tan necesaria sempre, e máis en momentos coma o actual. A lingua galega é necesaria para mellorarmos colectivamente a nosa vida como pobo.

Ricardo Carvalho Calero mostrounos a posibilidade de rectificar a historia. Por iso, este 17 de maio sairemos ás nosas xanelas e varandas, tamén ás das redes sociais, para continuarmos a desconfinar a nosa lingua. Precisamos dela.