O mes de abril

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

06 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca tantas reproducións se fixeron da canción de Sabina, xa imaxinas, esa na que pregunta quen lle roubou o mes de abril.

É un mes raro, si, pero aínda abrollan as cereixas, os pexegos, as mandarinas. Quizais poidamos tirarlle algo bo. Pensemos no fundamental. Estamos atravesando unha pandemia. Imos perder moitas cousas, por suposto. Pero tamén conservar algunhas, e valorar outras que tiñamos esquecidas. Esas pequenas cousas que só nos decatamos que son importantes cando as perdemos. Vaia, as que conforman, gran a gran, a nosa vida.

Saben a quen penso que si lle roubaron o mes de abril? Aos que neste tempo se lles escapou a vida das mans, e tamén aqueles aos que os seus se lles escaparon da vida. Sen poder despedilos sequera. Aquí, en Galicia, co noso culto arraigado á morte, ata agora isto era algo impensable.

Abril é coma unha resta de levar. Cando a dous non podemos quitarlle tres, pedimos prestada unha decena, que logo temos que devolver, claro. Facíanos falta unicamente unha unidade, pero... os préstamos teñen ás veces intereses moi elevados.

Este é o mes de abril, con xuros excesivos, pero con posibilidade de devolución. E de que o resultado sexa ata positivo.

Así que, se non queremos máis meses de operacións matemáticas complicadas, cumpramos co préstamo do mes de abril. Sexamos responsables nas saídas: manteñamos as precaucións e a distancia.

Que o saldo non sexa regresar aos inicios desta pandemia dentro duns días. Daquela a resta pasaría a ser unha perigosa división.