María Pedreda

05 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa declaración do estado de alarma o Goberno central asumiu o mando único para a afrontar o andazo. Pero centralizar o mando é unha cousa, e centralizar a administración política é outra. Estrañou o ton bélico e a presentación militar da crise, con mandos uniformados acompañando a expertos sanitarios e cargos da Administración. Non vimos nada parecido en ningún país democrático da contorna. Había algo anómalo en todo isto, que acabou sendo revelador de certas inercias que criamos superadas, e tamén dalgunhas eivas ás que nunca nos enfrontamos en democracia. En que manda o Executivo central? Que instrumentos ten para actuar nesta crise? Exército, Garda Civil e Policía Nacional. Iso foi o que exhibiu. Ministerios de Defensa e Interior, que, con Exteriores, Fomento e -dende a crise económica- Facenda concentran as competencias e capacidades operativas centrais. O Estado tiña os instrumentos para confinar á xente na casa, medida inescusable en toda peste, pero ningún para combater o resto da alerta sanitaria.

O Goberno usou a declaración constitucional de alarma hai cincuenta días e prorrogouna tres veces, con apoio dunha maioría do Congreso dos Deputados. Tantas prórrogas son excepcionais, pero todos coincidiremos en que a situación tamén o é. Excepcional e reveladora. Co paso das semanas, e coa ollada do historiador, dá para exclamar: nunca tal pensei! Falo do asombroso arraigo político do centralismo nunha Administración gobernada por unha coalición de esquerda ou da súa visión capitalina das Administracións públicas. O empeño na exhibición do Exército non pode menos que relacionarse coa necesidade que tivo a democracia española de darlle funcións despois de 1981, ou, indo máis atrás, coa milicia elefantiásica que reformou Manuel Azaña. Nada novo, pois o debate sobre o papel dos militares na política, na orde pública ou nas emerxencias percorre máis de dous séculos. O erro da circular sobre os rumores que provocan «desafección a institucións do Goberno», na linguaxe e na forma non pode deixar de evocar o arraigo de oitenta anos de experiencia do instituto armado no combate antisubversivo. Unha cultura.

Sobre ese campo fértil lanzouse avidamente a dereita cunha lóxica inapelable: se queredes todo o poder, tamén teredes toda a responsabilidade e todas as culpas. Os inevitables erros dunha xestión sanitaria sen máis instrumentos que os da orde pública foron agrandados ata os extremos coñecidos, e poden deixar sen aliados ao Goberno. O pedimento doutra prórroga vai contra a lóxica política e contra a pura funcionalidade dun estado autonómico.

O importante aínda virá. A xestión política desta crise debe servir de preludio para afrontar a gran crise de fondo, que é a ambiental. Para xestionala farán falla instrumentos e solucións políticas globais. Nin estatais nin xestionadas con instrumentos militares. O local e social será chave para a transición ambiental. Podemos aprender das consecuencias de non recoñecer as crises a tempo, pero tamén podemos sufrir as consecuencias de facer fanfarra politiqueira con elas. Estamos no ensaio do conflito que vén. Asegurémonos de tirar conclusións para que a resolución sexa democrática.