Chuvia de domingo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

28 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Almorzamos mirando a prensa. O mundo vira ao redor do covid-19. Ao virus dálle igual se é domingo. Incluso «o domingo». De súpeto, aparece ela ao outro lado da porta. Miro o reloxo. É moi cedo. Madrugou. Sorrío, porque penso que está nerviosa. Ten gana de saír. Pobre! Quen non? Pero é que ela ten só 7 anos, feitos en pleno confinamento.

Acompáñanos á mesa, tranquila. E de súpeto pregunta. Papá, canto nos leva ir mercar o pan? Así comeza o diálogo: dez, quince minutos... máis ou menos. Ah, iso é pouco! Si, por que preguntas? Porque non podemos saír máis dunha hora, hai que estar pendentes. E ti como sabes iso? -sorpréndenos porque nós non llo dixemos-. Escoiteino na tele, dixérono moitas veces!

Entón reclama unha chea de información: canto son dous metros, por que insisten en que levemos máscara pero non luvas... Se imos mercar pan, dánnolo empaquetado? Como fan o pan, protexidos? Non pode tocar nada... Coidado con meter as mans nos petos. Canta xente poderemos atopar pola rúa?

Vaia, que estaba intranquila. Podíalle a precaución á ansia de saír.

Estamos todos así de concienciados, coma os nenos? Faime pensar. Quizais por iso, para inaugurar a posibilidade de saír, en Galicia choveu o domingo xa pola mañá. Para non saírmos todos coma tolos a sacar os nenos. E, quizais tamén, para que non esquezamos que nunca choveu que non escampara. Ademais, lémbranos a nosa raíz, quen somos e quen debemos seguir sendo cando todo isto pase. Hoxe chove, quizais saia o sol e nos pinte un arco da vella.