Extrañando tanto as librarías

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Marta Fernández Jara | Europa Press

25 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Debe ser que as artistas, efectivamente, vivimos do ar. Aínda ben non se publicara o decreto coa corentena e xa estabamos agasallando contidos coma tolas. Embebedadas cunha sobredose de riquiñismo, esquecemos que vivimos disto e que, se ben case ninguén ten nin intención nin opcións de facerse millonaria, a xente debería estar mercando os nosos libros igual que mercan as series en Netflix e o papel hixiénico. Así, mentres centos de persoas escoitaban gratis os nosos concertos, recibían de agasallo unhas noveliñas a cambio dun par de likes, e vían en aberto as nosas obras de teatro, nós gastabamos os últimos gramos de levedo no bolo de pan que nos alimentará cando toda esa xente á que lle damos gratis a cultura nos mande a vivir do ar o día que abran os bares e xa non nos precisen.

Perdemos a oportunidade de que a xente entendese que a cultura é esencial para a súa felicidade, ou que estrañasen as librarías coma eses lugares onde unha se fai amiga da libreira e coñece ao seu amor nun club de lectura onde todos os libros foron debidamente mercados e vendidos. Perdemos, como sector, unha oportunidade de ouro para demostrarlle á Administración que sabemos de que falamos cando falamos de nós mesmos. E seguiremos mal sosténdonos, despois do coronavirus máis ca nunca, grazas ás migallas duns gobernantes que non nos valoran porque non lles obrigamos a facelo, e grazas ao cariño e ao verdadeiro sostén que supoñen todas esas lectoras e lectores que entrarán nas librarías coa súa lista feita durante a corentena. Todos eses que souberon agardar a que a libreira erga a persiana e lles venda unhas horas de alegría e sabedoría que, de certo, valen ouro.