Merecemos máis

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Penso que, en xeral, como sociedade, estamos comportándonos dun xeito digno. Hai casos illados de saltar o confinamento sen xustificación, por suposto. Pero mirando global, estou contenta.

Por iso penso que merecemos máis dos nosos políticos. Que nos tomen tan en serio coma ao COVID-19. Somos a súa xente, traballan para nós. Están ao servizo da sociedade. Ou, cando menos, iso di a teoría.

Esta sensación de andar coma polos sen cabeza non é boa para ninguén. E falo de Goberno e oposición. Non é a primeira vez que os xunto a todos. Insisto en que me gustaría que tomasen decisións ben pensadas, atendendo ás distintas áreas afectadas en cada caso. Pero tamén decisións consensuadas. Está ben iso de rectificar e recoñecer erros, pero é consecuencia de poñer o carro diante dos bois. Así que, se lles parece ben, por que non se poñen de acordo antes de lanzar globos sonda? Dentro do Goberno e tamén cos que teñen enfronte. Porque querer gañar medallas a conta dos erros dos demais... tampouco é moi lícito. Tan pouco loable coma ser soberbio desde unha posición privilexiada.

Así que, señores, isto vai para todos. Se queren que os respectemos, fágano vostedes tamén. Respéctennos e respéctense entre vostedes. Dean unha imaxe de altura política e responsabilidade. Ben nos viña. Se tanta fachenda temos de ser parte dunha sociedade avanzada que vai á cabeza da vangarda, que se vexa en todos os aspectos.

Merecemos máis. Moito máis.

E si. É difícil este momento. Pero non o fagan máis aínda.