O día despois

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Javier Otazu Elcano | Efe

24 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Escoitamos falar seguido de que «nada vai ser coma antes», «a realidade que nos espera vai ser distinta». Sen embargo, aínda non escoitei discursos ben elaborados arredor de como queremos que sexa ese mundo novo que se nos anuncia. Escoitamos todo o que non imos ter. Que non imos poder estar moi xuntos nin pola rúa nin por ningures. Que os espectáculos con xente haberá que pensalos. Que todo vai ser máis dixital. Que se imos ter que andar prácticamente cun certificado médico na boca para nos relacionar uns con outros. Intimar vai ser deporte de risco.

Eu, o que quero é que empecemos a soñar como queremos que sexa esa nova realidade. E unha maneira posible de facelo é tendo claro que é o que non quero.

Non quero unha nova realidade na que se me controle biométricamente. Soñárono certos autores de ficción científica pero agora é realmente posible. O Estado quere saber onde estou, con quen estou, se teño febre, cal é a miña frecuencia cardíaca, se a persoa coa que veño de cruzarme está infectada de algo, se tomo medicación, cal, canta, cantas veces, as horas que durmo, se cando conduzo descansei o suficiente, que leo, que películas visiono, que páxinas web me interesan, poderán monitorizarme nas redes sociais e desnudar a miña alma seguido, que fago nas miñas horas de traballo ademais de traballar. Todo, por suposto, «polo meu ben», «pola miña seguridade». Por un mundo mellor. Ese risco está aí e xa hai, incluso, quen o demanda como un ben.

Non, non quero iso. Non quero a profecía revirada de Orwell gobernando o mundo nin o meu mundo.

Insisto: non sei como será esa realidade nova que virá. Pero se algo estamos aprendendo durante o confinamento son varias leccións importantes que non debemos esquecer para cando nos solten á rúa de novo. Por exemplo, que tanto consumo era prescindible. Podemos vivir con moito menos. O que significa que podemos vivir sen estar atrapados sempre no imperio do efémero que denunciou Lipovetsky, onde pretendemos máis aparentar que ser. Aprendemos que o esgotamento do planeta vai en serio. Isto que nos pasa é consecuencia, directa ou indirecta, do noso desfase alimentario e da maneira antihixiénica e brutalmente retorcida que temos de nos relacionar coa natureza por estarmos guiados só pola lei do máximo beneficio. E aprendemos, tamén, que a cultura si que importa. Aí están os «titiriteros» que despreza Vox facendo cultura para, como di a canción eterna esa, resistir. E, por aprender, ata aprendemos que a vida é posible sen fútbol.

Quero que comecemos falar de que mundo queremos para o día seguinte. Porque volver sen máis ao que tiñamos, non parece a mellor das opcións.