Abrazándose

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Quería escribir unha carta. Non sabía para qué. Pero intuía que escribir era un modo de encontrarse con el, que non estaba alí, pegado a ela, abrazándose. Puxo as mans nas teclas do ordenador. Música nos auriculares. Un piano. Unha certeza: escribir. E escribiu: «Querido: imos saír desta. Non sei cómo, porque eu son esa profana que habita mil recantos da noite procurando algunha luz para non chorar (que foi das luces, querido?). Imos saír desta. E volveremos á rexión estraña onde os imposibles son posibles por fin. Volveremos á nacarada espuma do mar ou a danza dos teus ollos en medio de Monterrei, castelo amado. Calquera carnaval cantaremos xuntos polas rúas de Verín branco de fariña e ruído. Os gatos repetirán o teu nome. Brincaremos de emoción. E beberemos da mesma copa, sen máscaras. Os nosos dedos han de tocarse xema por xema. Tocarémonos. Un sinfónico acordeón acompañará esa canción que rabuña os adentros: Por tu amor que tanto quiero y tanto extraño. A primavera non será como esta primavera. Os borrachos non romperán vasos, só romperán tristezas. Deixarán de existir as malas noticias. Cruzarémonos con piratas e con princesas namoradas dos piratas. Choverá trigo. Desistiremos dos seres tóxicos e insistiremos na bondade dos bondadosos. A alegría será mandamento principal. E amaremos ao próximo como nos amamos a nós, mesmo máis. Seremos. Viviremos. As cerdeiras perderon a flor. Porén, queda a flor da memoria. Das túas mans bolboreteando o aire. Acariñándome. O teu sorriso. Ese afán por ser feliz e non renunciar aos soños. Querido, bótote tanto de menos…». A carta chegou ao seu destino. Non sei cómo nin cando. E alí estaban a carta mais el, abrazándose.