Dous camiños

Pablo Arangüena

OPINIÓN

18 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras un mes de dramática loita, e preocupados polo que ocorre nas residencias de maiores, semella que a situación vai mellorando nos hospitais, grazas ó traballo abnegado de tantos profesionais dunha sanidade pública que resiste heroicamente despois de anos de recortes, privatizacións e negocio por parte dalgúns. Pero cando superemos a pandemia sanitariamente, os efectos económicos e sociais seguirán aí.

As crises marcan as nosas vidas polo seu traumatismo pero tamén, ás veces, porque as súas sacudidas impulsan a transformación do existente. Eu nacín cando comezou a crise do petróleo, que clausuraría trinta anos de forte crecemento. Aquela crise desatou o pensamento neoliberal, que chegou a determinar o relato político nas décadas posteriores, ata conducirnos -con episodios intermedios- á Gran Recesión de 2008. Falouse entón de refundar o capitalismo, sen resultado práctico.

Hoxe, aparte desta pandemia, temos varias cousas claras: no noso mundo, inevitablemente interdependente, a desigualdade medra con forza, a crise climática -efecto do colapso ecolóxico ligado ó noso sistema- vainos golpear con forza durante as nosas vidas e a democracia será posta a proba por variados populismos.

Nese contexto, podemos seguir o guion neoliberal ou cambiar de rumbo, optando como país e a nivel europeo por unha solución socialdemócrata que trate de non deixar a ninguén atrás priorizando o ben común (incluída a transición ecolóxica xusta) fronte á barbarie do sálvese quen poida. Non pode obviarse que, dende 2008, a débeda pública substituíu á privada e multiplicouse case por tres en España e en Galicia, o cal reduce a marxe de manobra e formula, mentres se apaga o incendio, a necesidade de facer máis resiliente un Estado que pode ser mellorado e modernizado sen recortalo.

Ante a magnitude do desafío, Galicia ten que espertar do seu letargo, apostar consistentemente polas súas capacidades e vantaxes competitivas, que as ten, deixar de inventar culpables fóra e poñer o seu orzamento e as súas competencias, que son moitas, ó servizo dunha estratexia integral de país que sexa algo máis que ir tirando conservadoramente, vivindo de rendas e apostas do pasado e edulcorando a realidade a base de márketing.

No inmediato, o Goberno galego ten a lealdade crítica do PSdeG-PSOE na xestión desta crise. Sería bo que fose compartida; tempo haberá para reflexionar sobre erros e deficiencias, sobre que modelo sanitario e de coidado dos nosos maiores queremos e sobre como pode cambiar Galicia para encarar mellor o futuro.