Plan educativo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

18 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se sabe cando se pode reanudar o curso. Enténdoo. Dependerá de como vai evolucionando a pandemia. Non é tempo de facer prognósticos máis alá dun par de días. Con iso, é complicado facer grandes plans. A educación, ademais, non é o único ámbito afectado. É outro máis. Como avaliar, daquela, ao alumnado? Creo que se pode facer de maneira diferente segundo os niveis. Non é o mesmo saber como son os alumnos cando se lles imparte clase moitas horas ao día que cando só se está con eles apenas un par de horas á semana. Tampouco as materias teñen por que asemellarse nos distintos trimestres. Daquela... que? Dubido que se poida establecer un único criterio para todos os casos e niveis.

Seguro que van dicir que cada profesional debe saber que criterio impoñer. Ou non.

Non volvamos cargar nos docentes todo o peso. Créanme. Están traballando arreo para manter o contacto cos alumnos, seguir incentivándoos e propoñéndolles novas actividades e ata impartindo novos conceptos. Pero non depende deles que o alumno se comporte coma na clase. Porque non todos dispoñen dos mesmos medios, non todos teñen o mesmo apoio, non se enfrontan con iguais condicións.

Como valorar iso? Complicado. Como establecer un criterio? Complicado tamén. Miren, señores dirixentes. Se teñen que falar entre vostedes, falen. Se precisan dous días máis para tomar as decisións, cóllanos. Pero deixen de facer máis circo, por favor. E poño como exemplo a educación porque me dá moita pena usar a sanidade. É peor aínda.