Onde estás?

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

CESAR QUIAN

16 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Son un melancólico. Un escritor que repara no pasado aínda que hoxe, máis que nunca, afirma que só temos presente. Porén, somos pasado. Memoria. Por iso escoito música obsoleta, leo novelas obsoletas, vivo «obsoletamente». En realidade, son un obsoleto que contempla o tempo aquel no que eramos tan felices sen sabelo. O mundo reflexiona pouco: non pensar sálvanos da tristeza. Quizá por iso sae aos balcóns a aplaudir: para saber, en verdade, quen son os imprescindibles. Despois: chats, redes, mensaxes S.O.S. Eu, que desconfío das redes sociais, declárome obsoleto. Porque prefiro as persoas ás máquinas. As miradas. Tocarte, que me toques. En definitiva, e sinceramente, prefiro o quen ao que. Prefiro conmoverme co talento dos escollidos, seres diferentes na procura da beleza: onde estás agora, beleza? A sinfonía número 1 de Brahms aínda me conmove. Albinoni, na súa simpleza. Bach, sempre. E o trasno Mozart. E Schumann, orate principal. Iso procuro, beleza, nestes días en que todo o meu interior está ferido de desesperanza. E non quero. Golpeo as teclas con insistencia para que apareza o optimismo. Son aquel poeta triste que envolvía poemas de amor na alameda, cruzado de negrillos e carapelas de xeo, frío, frío. Os versos e as músicas non dan de comer, repetíanme de neno. Pero seguen a ofrecerte (a ti) en carne viva, musa, gata, beleza, cultura. Procúrote entristecido: terra queimada pola corrección política. A cultura bébenos e vívenos. Hoxe reúnense conselleiros de cultura e ministro. Oxalá eles poidan contestar por que queres desaparecer, beleza. Eu pregunto onde estás. Porque sei que estás. Aínda no horror, estás. Son un melancólico. Só hoxe. Desculpen, por favor.