Literatura e pan

OPINIÓN

08 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días falo todos os días por teléfono coa miña nai para aliviar un pouco o seu aburrimento e a soidade destas tardes eternas nas que non ten a partida de cartas coas amigas. E nestas conversas sempre me pregunta se estou a aproveitar o tempo porque sabe que todo isto non supón unha alteración importante nunha vida que adoito pasar confinado entre libros e a escrita de novelas. Aí atrás interesouse por saber se eu estaba a escribir algo sobre esta pandemia e quedou un pouco decepcionada porque lle confesei que non, convencido de que nos vindeiros meses chegaría unha enxurrada tal de libros relacionados co tema que mesmo rematarían por cansar a xente. Talvez fose a miña unha desculpa para non me enfrontar co tema e fuxir cara a outra nube de ficción máis amable. Creo que a meirande parte das persoas que escribimos precisamos dun punto de distancia mínima, un arrefriamento dos feitos para os valorarmos cunha perspectiva máis reflexiva. Non o sei. O que si sei é que a literatura debería figurar entre eses bens esenciais que tanto custa definir porque a casuística vai impoñendo novas necesidades. Está claro que moita xente dirá que estou a mirar para o embigo e que varro para casa. Poida. Pero, se dun xeito xenérico nos preguntamos se a ficción, que tanto nos axuda a afastarnos da realidade, é un ben de primeira necesidade, seguro que nos asaltarán as dúbidas, non si? Alguén imaxina unha reclusión sen series e películas? Se a resposta é negativa, coido que habería que meter a literatura nese carro privilexiado porque é precisamente a fonte das máis desas historias que vemos na pantalla. Polo tanto, quero pensar que a miña utilidade pode ser coma a de calquera panadeiro. Eu, en vez de pan, só ofrezo palabras.