Límites do teletraballo

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

LUCA ZENNARO | Efe

08 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

crise mundial provocada polo COVID-19 forzou a propagación dun xeito de realizar tarefas xa coñecido: o teletraballo. A telemática permite tunelizar a comunicación entre máquinas colocadas en calquera lugar lonxe do centro habitual de traballo e a rede dese centro. Por ese túnel, o traballador supera o gardalumes do sistema da empresa e comunícase coas máquinas dos colegas e cos servidores de datos da organización empresarial. A experiencia da presente crise fai albiscar unha post-crise na que o teletraballo -con fluxos de voz, vídeo e datos- se vaia converter en maioritario e habitual. A tecnoloxía permíteo, mais falta por contrastar o resultado desde o punto de vista psico-social.

Hai vinte anos, cando os multimedia se iniciaban como negocio, presentouse nunha universidade portuguesa unha tese sobre traballo colaborativo, sen relación presencial, no eido dos audiovisuais. A tese, experimental, mostraba como todo fora perfecto canto á telemática. Ora, unha enquisa do doutorando entre os teletraballadores viña descubrir que a falta de contacto humano os levaba a dubidar de que os directivos apreciasen con exactitude a implicación e o esforzo que realizaran... Somos humanos, precisamos vernos, tocarnos; e moi probablemente habemos precisalo aínda máis despois da crise.