Agricultura para a posguerra

Roberto García
Roberto García TRIBUNA

OPINIÓN

María Pedreda

07 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando hai agora 57 anos unha pequena Comunidade Europea poñía en marcha a política agraria común (PAC) nunha Europa marcada pola posguerra, facíao para dar resposta a unha das preocupacións más importantes dos gobernantes: asegurar o abastecemento de materias primas para a alimentación da poboación. O éxito desta iniciativa na recuperación socioeconómica dun continente arrasado levou a que durante moitos anos a PAC foi a única política común, e, en consecuencia, era a que levaba a maior parte dos recursos comunitarios, que chegaron a supoñer nos anos oitenta ata o 70 % do orzamento comunitario.

A guerra contra o coronavirus sorprendeu á Comisión Europea en pleno debate sobre como e canto recortar os fondos destinados para agricultores e gandeiros, para empregalos no control de fronteiras, sen que o campo deixara de producir alimentos abundantes, cun subministro normalizado e sen sobresaltos nos prezos. A cuadratura do círculo. Os problemas de desabastecemento e de especulación, que son tan evidentes nestes días con outros produtos, non se están a dar cos alimentos. España e Galicia contan cun rural que está sendo capaz de responder ao reto de alimentar ao país sen sobresaltos, nun momento en que o peche das fronteiras e o cese da actividade produtiva é case total.

Importante lección da que se deberá tomar nota cando todo isto pase, pois, se xa quedou claro que 500 millóns de habitantes da Unión Europea non poden ter unha dependencia case total doutras zonas do planeta en asuntos como a produción de medicinas, ou dos materiais e compoñentes estratéxicos, igualmente deberiamos ter aprendido que isto tampouco debe poder pasar coa produción de alimentos, cando a próxima crise nos volva bater sen avisar. E para iso é preciso manter forte e estable o sector primario, impedindo que os regateos contables da Comisión e o abandono do sector primario «ás forzas do mercado» poñan en perigo a despensa europea.

Valorar na cesta da compra o produto de proximidade sería o noso mellor aplauso de recoñecemento a este labor calado, cotián, de tantas familias do rural, que día tras día traballan para que non falten na nosa mesa os alimentos que nos dan a tranquilidade e a seguridade do abastecemento. Sería o noso mellor xesto con aqueles que son capaces de estar á altura deste enorme reto incluso en momentos tan dramáticos e imprevisibles como os que estamos a vivir nestas semanas. Isto é o que as familias e os cidadáns estamos a ter durante esta inédita crise sanitaria.

Por iso é importante que a sociedade tamén responda a este esforzo do rural galego cun xesto tan sinxelo como o de mirar a etiqueta dos alimentos que se están a comprar nestes días, pois temos detectado que países da Unión Europea que non están sendo precisamente os máis solidarios nestes momentos tan difíciles aproveitan para inundar o noso mercado cos seus excedentes, coa complicidade da industria do leite e da distribución, quen si parecen non querer perder a oportunidade de sacar proveito da situación.