Os nenos na casa

Víctor F. Freixanes
Víctor f. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

M.Souto

05 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En circunstancias normais hoxe estaríamos votando das urnas e as familias iniciando o breve período vacacional da Semana Santa. Mais quen fala de circunstancias normais! Do calendario electoral xa case que ninguén se lembra, as vacacións son unha fantasía… Se alguén nos pintase o panorama nunha desas películas de distopías que tanta demanda teñen nos últimos tempos, diriamos que se lle foi a cabeza ao guionista. A realidade supera a ficción máis aló de calquera límite. E non é a Florencia de 1348, nin a cidade Orán da novela de Albert Camus, é o mundo mundial, a globalización absoluta.

Escribo dende hai anos estas mareas, que titulei moi conscientemente Vento nas Velas, cunha forte dose de optimismo. Porque o futuro é algo que se pode construir, non un castigo do destino. Mais recoñezo que o guionista desta historia muda cada mañá o relato. Xa nin sequera sabemos quen é o guionista.

A semana pasada falei dos invisibles, eses personaxes anónimos que están detrás das cousas, que fan posible a nosa existencia (neste caso a nosa supervivencia) e nos que case que ninguén repara: os vendedores dos supermercados, os panadeiros, os que saen a pescar, os transportistas, os que traballan a terra, os que limpan as rúas, os sanitarios… Dos profesionais da saúde falamos arreo, deles e delas. Pero hai moitos máis. O profesorado, por exemplo. Ninguén sabe moi ben como vai acabar o curso académico este ano, nin na universidade nin no ensino medio nin no ensino primario. Mais o esforzo que nas últimas semanas veñen desenvolvendo os profesionais da educación atendendo a poboación escolar dende as casas, na precariedade de recursos existente, merece o noso aplauso e a nosa admiración. Entre outras cousas porque aínda hai quen, cunha frivolidade que só se explica dende o descoñecemento, fala desas «estupendas e inesperadas vacacións dos profesores e as profesoras». Anda a rexouba nas redes. O meu amigo Carlos, a miña amiga Isabel, a miña compañeira Natalia non baixan de once horas diarias diante da pantalla da computadora, preparando materiais e despachando consultas. Once horas! Quedan sete para dormir e seis para comer e respirar. Consultas para os nenos e, ás veces, para os pais. Nunha aula podemos atender 70 ou 100 alumnos (na universidade), arredor de 25 nos primeiros niveis de ensino, mais na situación actual cada xestión se individualiza, cada consulta presenta unha casuística distinta, as demandas veñen personalizadas e así deben ser atendidas. Iso sen contar a frustración de non dar conta do traballo e o apoio psicolóxico (e pedagóxico) ás familias, pois cada casa é un mundo. Hai oficios que non poden valorarse con criterios cuantitativos. Os nenos son o gran capital sobre os que habemos de construir o futuro. Tamén é certo que encerrados durante dúas semanas nun piso de 70 m2 tamén poden ser un polvorín.