Primeiras estampas dun amigo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Pilar Canicoba

01 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A memoria das persoas (e das cousas) constrúese a partir de estampas, que son como fotogramas, marcos de referencia. A primeira noticia que tiven de Xosé Luís Franco Grande foi o seu Dicionario Galego-Castelán, publicado por Galaxia en 1968. Foi o dicionario da nosa xeración. Máis dunha vez contou o seu proceso, o esforzo xigantesco de recuperar vocabularios anteriores cun labor teimoso de recolleita que lle viña da mocidade e que ten o seu epicentro emocional (e lexicográfico) nas terras do Val Miñor, na fala da aldea de Tebra (Tomiño), onde o autor naceu o 17 de febreiro de 1936. Seica foi unha encomenda de Ramón Piñeiro, director literario e estratego principal do «proxecto Galaxia», ao que Franco Grande se sentiu vencellado dende o primeiro momento. «Conviña ir preparando ese material…», comentou Piñeiro, «necesitamos ferramentas de referencia», e o mozo galeguista púxose ao labor. Con papeletas, redactando a man, arranxando o material en caixas e arquivadores. Nada que ver cos recursos que agora temos.

Nese dicionario, do que segundo a editorial se venderon más de medio millón de exemplares sen que o autor cobrase dereitos, pois todos os ingresos eran para axudar a finanzar a editora, formámonos literariamente moitos rapaces e rapazas que empezamos a interesarnos pola lingua galega na década dos anos 60 e nos anos 70. Logo viñeron outros traballos, competencia editorial importante a partir da década dos anos 80, pero o Dicionario «Franco Grande», como todos o identificabamos, segue a ocupar un lugar sobranceiro na miña librería.

A segunda estampa, antes de coñecelo persoalmente, foi a noticia da gravación do Venceremos nós nun disco que contra mediados dos anos 60 promoveu a editorial Galaxia e a editora catalá Edigsa: un «canto espiritual» das plantacións de escravos en Norteamérica, traducido ao galego por Xosé Luís Franco Grande e Xosé Manuel Beiras, que se convertiu en himno reivindicativo do movemento estudiantil do ano 68 en Santiago. A iniciativa foi de Xaime Isla, coa idea de abrir novos discursos para a lingua alén do libro, e mais co anceio de interesar a mocidade no uso do idioma.

Por aquelas datas, Franco Grande militaba no PSG (Partido Socialista Galego), xunto con Beiras, Manuel Caamaño, Valentín Arias, Mario Orjales, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Ramón Lugrís, Salvador García Bodaño, etcétera. No seu libro de memorias, Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración (primeira edición de 1985; segunda edición ampliada en 2004) conta este capítulo e outros da súa biografía que é a biografía de toda unha xeración, lectura obrigada para quen queira saber da intrahistoria daqueles anos dende a ollada do galeguismo.

Xuntábase polas tardes cun grupo de amigos na rebotica da Fundación Penzol, arredor do escritorio de Francisco Fernández del Riego, e promovía daquela un programa de radio en La Voz de Vigo, Raíz e Tempo, na compaña da poeta Xohana Torres, ademais de traballar na Asociación Cultural de Vigo, unha das primeiras plataformas de activismo nacionalista na década dos anos 70. Rexo, enteiro, intelixente, comprometido coa democracia, independente de opinión e criterio, ás veces aparentemente serio de máis para quen non o trataba, mais cun humor divertido e retranqueiro, dotado dun refinado espírito crítico e unha grande curiosidade intelectual, andando o tempo tiven a honra de ser o seu editor: derradeiros libros de poesía, de memorias e de ensaio, fortemente marcado pola idea europeísta e polo galeguismo, na ilusión (e o compromiso) de construir un país mellor cada día, un país de cidadáns libres, informados, conscientes do seu patrimonio histórico e da súa identidade colectiva, pois como di nun dos seus derradeiros poemas: somos o camiño que imos facendo, mais sen nós o camiño non ten xeito.