Deica logo, amigo

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

01 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando os dous eramos moi novos, querido amigo, acostumabas xustificar a túa repugnancia ás cerimonias sociais dicindo «eu son un home dás cavernas». Tamén che valía para xustificar silencios ou ausencias. É verdade que sempre compensaches a túa tendencia cavernícola con fermosos versos e fermosas cartas. E fermosos artigos, como o último, no que, dunha forma elegante, sen teatralidade nin efectismos, despedíasche de todos os amigos. Cando o lin, xa te tiñas ido. Culpa miña, que levo un mes encerrada, encadeando corentena tras corentena.

Deume moita pena non poder falar contigo, pero, o que quería dicirche dígocho aquí. Lembras aquel verso teu?: «Amiga que te fuches sen máis volta, como se van os mortos». Pois, verás, Xose, os que se van para sempre son os vivos, ou as vivas. Os mortos queridos non se van, permanecen, porque o amor e tamén a amizade non poden desaparecer. Lémbrate do que dicía Antonio Machado: «Los yunques y crisoles de tu alma / trabajan para el sol y para el viento?» A resposta é NON. E como eu non son poeta, dígocho coas palabras de Rosalía, á quen tanto admirabas. «No, no puede acabar lo que es eterno, / ni puede ter fin la inmensidad».

Eu sei que non volveremos vernos, Xose, que putada!, iso admítoo, pero de ningunha maneira que te foses para sempre. Iso non. Todos os nosos recordos están aquí, sesenta anos de lembranzas, como vai desaparecer tanto agarimo acumulado! …

Asi que só che digo, desde o meu confinamento, e desde o máis fondo do meu corazón: Deica logo, querido amigo!