Invisíbeis

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Eduardo Sanz / AFP7

29 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos, cando traballaba en Madrid, chamaba a atención dos compañeiros sobre cousas que eles non valoraban, cousas que considerabamos normais, parte da paisaxe, porque sempre estaban alí. As papeleiras, por exemplo. ¿Quen baleira as papeleiras? ¿Quen arranxa polas noites ou de madrugada os despachos? ¿Quen limpa os baños? Para a meirande parte deles, porque non pensaban niso, eran cuestións menores, que se amañaban de seu. Mais de mañanciña, mesmo antes do amencer, viñan as camionetas dende Getafe ou dende concellos aínda máis extremos da capital cos traballadores (a maioría traballadoras) que atendían esas necesidades, case sempre mal pagados, ou moi por debaixo dos salarios dos que ocupaban polo día aquelas estancias. Viñan de madrugada e desaparecían antes de que o grupo de empresas iniciase a xornada. Eran invisibles.

Nestes días de tribulación, cando o mundo todo parece patas arriba, a lexión das (e dos) invisibles tamén existe. Veñen cada mañá, con mascariña ou sen ela, aproveitando os apurados horarios do servizo publico ou en autos particulares, e acometen os seus labores con eficiencia e disciplina. En Madrid e en toda partes, nas cidades grandes e nas vilas pequenas. A xente aplaude cada tardiña o labor dos sanitarios, e con razón. En moitos casos están a xogar a vida. Nunca llelo agradeceremos abondo. Mais a relación é máis ampla: os transportistas, os taxistas, os empregados de almacéns e supermercados, as que atenden as caixas (e teñen que aturar ás veces o descerebrado que vén mercar chocolatinas e enriba ponse estupendo), os que distribúen os pedidos polas casas, a policía, os gardas, os boticarios, os que seguen preocupándose pola xente maior que vive soa, os panadeiros, os que prantan e sachan na leira para abastecer os mercados, os que saen pescar, os empregados de correos e de mensaxería, os que seguen movendo a máquina para que a máquina non se pare, o profesorado que atende o alumnado dende as casas, os que alimentan a rede de esperanza (e de opcións para levar mellor o tempo de espera), os medios de comunicación, que non só informan senón que fan que nos sintamos vivos… ¿Imaxinamos a situación sen a asistencia permanente da radio, sen a televisión, sen o traballo dos xornais?

Seguramente esquezo a moitos máis, incluídos os responsables da gobernanza que, cos seus erros e as súas limitacións, asumen as dificultades de saír da crise. Outra cousa é a lideira da política (a política cativa), da que haberá que tratar noutra ocasión. Hoxe quería falar dos invisibles, eles e elas: esa muller que cada mañá se achega á porta da veciña, unha señora maior, e deixa unha cazarola de comida, ás veces tamén unha flor, e a chama despois por teléfono para saber como vai. Non sei quen é. Non coñezo o seu nome. Mais estas cousas tamén suceden.