O lado bo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Brais Lorenzo | Efe

27 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha teima coma outra calquera, pero non sei vivir doutro xeito. Despois do desgusto, busco, inconscientemente, o lado positivo. Ás veces, confésoo, non son quen de atopalo. Pero esa busca é un mecanismo de supervivencia que nin busco nin rexeito.

Que trae de bo o coronavirus? Obrigarnos a convivir, ser comprensivos, volvernos empáticos, decatarnos do que botamos de menos. De maneira inconsciente establecemos as nosas prioridades na vida, algo que ás veces non sabemos facer. Prodúcese un descenso notable da contaminación, asoláganos a onda da solidariedade, a valoración da cultura. É tempo de estrañar compartir e con quen compartir. As pequenas cousas vólvense importantes. Ai, o diferente que pode resultar o Día do Pai ou unha celebración.

Lemos libros, escoitamos música, vemos películas. Prestámoslle atención ao traballo dos demais. Os heroes xa non levan capa, agora son os sanitarios, os traballadores dos supermercados, os que atenden aos máis desvalidos, os limpadores.

Podemos vivir con menos. E dar moito máis. Sabemos pensar en colectivo. Ben, isto algúns, non todos, que aínda tremo coa cantidade de amoestados por non cumprir o confinamento.

E, se hai quen non entra en razón nin a risco de morte, que vai pasar cando xa non haxa contaxios? Quedará impreso na nosa menta o que é verdadeiramente importante? Distinguiremos aínda as prioridades?

Por desgraza, non calculo unha probabilidade moi alta para isto. Hai moitas formas de aproveitar o confinamento. Fagámonos bos.