O COVID-19 e as maneiras

OPINIÓN

María Pedreda

23 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos terán observado a pouca credibilidade dos políticos, sempre figurinos ben traxados pero que non cren no que din, que a toda présa lle deron un texto para recitar, que non leu ou que se o fixo foi con moita présa. A xente só ve un busto baduante, case sempre en pose de revista Hola!

Xa os antigos dicían que esse est percipi ( ser é ser percibido), alicerce e améndoa de tantas cousas, incluídas as técnicas de mercado. Pois, como é lóxico, a maneira en que te perciban vai influír en cada quen, e de forma decisiva. Na conformación desas maneiras entran xa as técnicas, sempre ventureiras, de facer realidade aquel principio.

Penso que tamén percibe a xente que ir ben traxado non quere dicir elegante. Serán cromos, caras fotoxénicas, rostros que todos teremos que lembrar, pero nunca elegantes. A elegancia nada ten que ver cos figurinos, máis ben xorde do interior, algo así como en certo sentido descoidada, porque xa se ten ­­-e moitas veces é pouso cultural da familia.