O bálsamo da tecnoloxía

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

FLICKR / ORLANDO SØRENSEN

22 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Da tecnoloxia e da ciencia, pois a primeira é consecuencia da segunda. Sen ciencia (sen coñecemento) non hai tecnoloxía. O alfabeto, a imprenta, o motor de explosión, a luz eléctrica, o microscopio, a penicilina… son aplicacións tecnolóxicas do coñecemento científico. Mais eu quería escribir hoxe da comunicación: da revolución solidaria das tecnoloxías da comunicación e do papel intenso que están a xogar nas presentes circunstancias. Non só as grandes tecnoloxías senón as máis domésticas, que afectan o común da sociedade, alén de fronteiras e distancias: as familias, os amigos, os veciños... Moitas veces temos denunciado o abuso, a utilización perversa das redes sociais por parte de sectores irresponsables da poboación, cando non deliberadamente tóxicos. As mentiras, as medias verdades, a desinformación intencionada, as trolas máis disparatadas corren coma centellas. O medo é libre e aliméntase tamén destas cousas que, por riba, dinamitan a credibilidade de fontes contrastadas.

Mais nas últimas xornadas, a axuda, o consolo, a solidariedade, os ánimos compartidos están moi por riba de calquera outra utilización, e disto debemos felicitarnos. Servizos sociais, axudas familiares, apoios loxísticos, propostas de lecer, complementos educativos para a xente nova que non pode estes días recibir aulas, espazos de ocio para axudar a pasar xuntos tantas horas de obrigada reclusión, información regular… Todo isto é posible grazas á gran revolución tecnolóxica da comunicación de masas que comezou coa radio nas primeiras décadas do século XX (cos precedentes da telegrafía e o teléfono), continuou coa TV e globalízase arestora co universo das redes. Unha conquista da civilización.

Imaxinemos o mundo cando Giovanni Boccaccio escribe o Decamerón en 1348, coas cidades asoladas pola peste negra. Imaxinemos os púlpitos, os bandos nas prazas, a sospeita entre os veciños, a incerteza de non saber, o medo… A información é a arma máis poderosa contra a confusión e o medo, que é o verdadeiro andazo a controlar. Información veraz con responsables competentes. Comunicación para estreitar lazos, para apretar a socialización nun tempo tan delicado, en certos aspectos tan fráxil como o que nos toca vivir. Utilizo a palabra «bálsamo» na terceira acepción que nos propón o dicionario da RAG: alivio da dor e da inquietude, nestas circunstancias tamén fortaleza, alento, afirmación do esforzo colectivo.