
É normal que a preocupación que xera a expansión do COVID-19 se estenda entre a poboación. Percibímolo como unha ameaza que perturba a nosa vida, é lóxico sentirse asustado ou confundido. O medo é unha resposta adaptativa en calquera proceso deste tipo. Axúdanos a manternos alerta e permite buscar solucións para relativizar o problema, pero tamén pode producir bloqueos que impidan xestionar eficazmente a situación e provocar un contaxio emocional entre as persoas próximas, especialmente nos menores. É importante atender as recomendacións transmitidas para afrontar a enfermidade e minimizar os contaxios, e seguir as indicacións das autoridades sanitarias. Cómpre utilizar racionalmente a información xerada en redes sociais, contrastándoa antes de compartir ou de adoptar medidas.
Emocionalmente é fundamental que, de sentirmos medo, non o ocultemos nin o rexeitemos. Isto é aplicable a calquera emoción que xurda ante a ameaza do coronavirus, como confusión, tristeza ou angustia. É recomendable aceptar os nosos sentimentos e falalo con amigos ou familiares, e, de persistir, acudir a profesionais.
Precisamos canalizar esas emocións, non alimentar o noso propio medo nin o de quen nos rodea, sobre todo en nenos e nenas. O humor resulta fundamental, favorece minimizar o temor. Utilicemos como recurso a nosa experiencia manexando situacións adversas, e manteñamos rutinas e comportamentos saudables.
Debemos estar moi atentos coas nenas e nenos. Non lles xeremos inquietudes se non as teñen: se vemos que presentan signos de preocupación, falémoslles nun clima de tranquilidade sobre o que perciben a través de informacións que recibiran (colexios, televisión...). Respondamos as súas preguntas a medida que xurdan, con explicacións comprensibles, adaptadas ao seu nivel e sen falsear información. Manteñamos a normalidade na súa vida, regulemos o fluxo de noticias que reciben e incidamos na práctica dos hábitos saudables transmitidos nos colexios. Se detectamos nalgún caso respostas de medo, preocupación excesiva ou condutas regresivas hai que acompañalos, permitindo que expresen o que senten. Se estas condutas son significativas ou persisten no tempo, convén recorrer a profesionais especializados que axuden as familias a canalizalas. O medo bloquea e impide xestionar con eficacia. Cómpre afastar calquera signo de histeria colectiva ou condutas de rexeitamento ou discriminación. Confiemos na experiencia e capacidade do sistema sanitario e os seus profesionais.