Os outros virus

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

CORISTANCO

11 mar 2020 . Actualizado a las 11:35 h.

Fíxome graza o titular «Vendemos máis xabóns en tres días polo coronavirus que nos últimos tres anos xuntos»; pois fíxome pensar na influencia dos medios no noso día a día, e no rápido que reaccionamos cando somos nós os que podemos estar afectados. O titular, que viña das declaracións do xerente de Savelo (unha empresa de Coristanco que fabrica produtos de limpeza e desinfección), axudoume a entender o profundo impacto que ten o medo nas nosas vidas.

Semella que o COVID-19 xa está aquí, e que é unha cuestión de tempo que o contraia o noso veciño ou a nosa irmá. Pero o traballo dos medios á hora de mostrarnos as consecuencias da propagación do virus é tan a fondo que as máscaras xa se están a esgotar nas farmacias, e os xabóns véndense máis ca nunca.

Sen dúbida xa estamos concienciados de que temos que protexernos, e axiña aprendemos a tomar medidas. Escoitamos aos expertos e, a pesar das incertezas, actuamos de xeito masivo para evitar a súa propagación. É dicir, o que nos ensina o impacto das novas sobre o coronavirus é que, como sociedade, somos capaces de reaccionar e de adaptarnos ao cambio tomando medidas ás que non estamos acostumados.

E eu me pregunto: e se foramos capaces de reaccionar así en contra do resto dos virus que asoballan a nosa sociedade? Dos que están aí constantemente: o virus da desigualdade, da violencia, do racismo... Quizais cremos que estamos inmunizados, pois constantemente esquecemos a forza coa que se propagan. Pero eses virus contra os que non nos protexemos son os peores, pois o seu contaxio é tan silencioso coma inconsciente, e, sen querelo, nós tamén os propagamos cando simplemente miramos cara outro lado.