Corona-5G

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

NACHO DOCE | Reuters

11 mar 2020 . Actualizado a las 11:50 h.

Durante semanas, no ámbito profesional das telecomunicacións houbo apostas sobre o Congreso Mundial dos Móbiles: ¿daríase celebrado en Barcelona a edición do 2020? A ecuación de incerteza tiña dúas variables principais, o coronavirus e a Huawei. Os profanos na materia oían falar tamén da enorme empresa chinesa fabricante de teléfonos intelixentes e coidaban que o problema viña deles, con insidias dos dous grandes competidores nese eido, o ianqui e o surcoreano.

Mais o asunto ten máis fondura: desde hai tres décadas, a Huawei vén a empurrar para fóra do mercado os fabricantes tradicionais de dispositivos de redes, comezando polos conmutadores telefónicos (vulgo centrais). Hoxe é un temible fabricante de equipamento da quinta xeración de redes celulares, a famosa 5G. Nunha guerra sen cuartel no mundo, os competidores da compañía do Ren Zhengfei andan a espallar que é un cabalo de Troia, que con ela entrarían en Europa e América os servizos de información do Xi Jinping.

Iso é unha hipótese, mais a realidade é outra: a Huawei leva a experimentar coa 5G tempo dabondo coma para poder ofrecer no mercado non só o equipamento senón as aplicacións que permiten explotar a marabilla da nova técnica. Os EE.UU. e a UE parten na carreira con moito atraso, e medo aos efectos dun corona-5G fatal.