A terceira parte dun tripartito

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

25 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Se en Galicia hai un Goberno alternativo ao actual será tripartito. Dúas partes estaban claras a terceira víase difusa, porque Anova, A Marea Atlántica, as Mareas municipais, Compostela Aberta, Podemos e Esquerda Unida percibíanse cada vez máis desagregadas. A sopa de letras non era unha boa fórmula nin inspiraba solucións, nin para o seu potencial electorado, resistente dende 2012 pero pendente de consolidar, nin para os seus potenciais socios.

De non teren chegado a un acordo non habería sequera alternativa a Feijoo, pero miragreiramente lograron porse de acordo no xoves de comadres, antes de empezar o Entroido xeralizado. Esa festa pagá que para algúns fomenta sentimentos antirrelixiosos, alenta as identidades paletas e os dialectos e demanda o uso do pin parental e mesmo pode dar xogo a un discurso da presidenta madrileña ao berro de: que escándalo, aquí se disfrazan as mascaritas e os choqueiros! Denantes de chegar á mascarada, todas esas esquerdas chegaron a un acordo que debeu ser difícil e moi traballado e que, ata onde se sabe polos resultados, consistiu en alonxar a Martiño Noriega e a Xulio Ferreiro da candidatura á presidencia da Xunta a cambio dunha coaligazón formal máis plural que mesmo optase por recobrar e dar un lugar a moitos dos bos cadros que se foron perdendo en sucesivas liortas e reviravoltas do camiño dende Amio e o 15M. Polo de agora foron capaces de sumar pluralidades e iso é boa nova para as outras dúas partes dun posible futuro goberno, o PSdeG e o BNG.

Aínda así queda moito por ver. Os dirixentes de Podemos, igual que a vella nova esquerda e aquela renovación eurocomunista de hai décadas, falan moito de hexemonía. Gústalles o concepto, pero deberían combinalo mellor co de pluralidade, que vai moi ben coa democracia. Quérese dicir que ademais de ler mais e mellor a Gramsci, benvido sexa, deberían ler un pouco menos a Lenin e, sobre todo, deberían ir abandonando esa cultura leninista de hai máis de cen anos, axiña se cumprirá o centenario do seu pasamento. Pero xa se sabe que as pautas culturais, como ten escrito Ramón Villares, son moito máis difíciles de mudar que as económicas ou as políticas. Tanta vontade de hexemonía de Podemos Unidos ou Unidas Podemos, herdada da tradición da mellor esquerda rupturista da transición é posible de materializar por fin dende o Goberno do Estado, que a aproveiten, pero mal conducida pode levar ao trunfo do PP e a un raquitismo de cabeza de rato da súa organización.

O asunto nesta altura é que Galicia e a súa sociedade xóganse moito. Podemos non sei canto se xoga. En Común Podem en Cataluña, Compromís en Valencia, mesmo Más Madrid, agora Adiante Andalucía, e antes Alternativa Galega de Esquerdas e A Marea deberan abondar como experiencias para entender e sinalar cal pode ser o Camiño de Santiago da esquerda galega hoxe. Haberá que ver as listas da coaligazón de Unidas Podemos e Mareas-Anova para saír de dúbidas sobre todo isto. A saber: a combinación entre vontade de hexemonía e pluralidade, as posibilidades da alternativa de tres patas a Feijoo, a superación da cultura leninista e a súa substitución por unha cultura democrática e mesmo liberalmente libertaria. Sobre todo a fasquía dun programa de goberno galego e transformador. Veremos.