Inventar un idioma

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

25 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É a primeira noticia que teño sobre o gran momento que vive Galicia. Seica estamos no cume da vangarda. Ata nos inventamos unha lingua nova e impoñémola, así, da noite para a mañá, por todo o territorio, coma quen planta millo, patacas ou eucalipto. Ou coma quen planta lume. Non me parece este un mal símil...

Pois hai quen nos acusa de idear un idioma, impoñelo, e queda tan tranquilo. Declaracións así deberan provocar un incendio na sociedade.

Pero nada. Aquí calamos. Non sei se por ignorancia ou por desidia. Calquera das dúas opcións me parecen preocupantes. Pregúntome como foi que chegamos a esta situación tan desastrosa. É o resultado de anos e anos facéndoo mal, moi mal, rematadamente mal. Tanto que chegamos a dividir a sociedade en dous bandos opostos, tanto que a palabra, en lugar de ferramenta, é un proxectil.

E xa está ben. Xa está ben.

Hai días que quero dicir «xa». Berralo ben alto. Esgota esta concepción da nosa identidade. É sinxelo de resumir. Temos lingua propia desde hai séculos. Durante un tempo foi prohibida e deostada. Fíxose asociar ás clases baixas e pobres. A lingua non é un estigma, é un vehículo para a comunicación. Agora deberiamos sentir todos o deber de restaurala. Pero estamos feríndoa continuamente, ultraxándoa e menosprezándoa de novo.

A lingua xamais debera ser unha arma. Nin política nin sectaria nin de ningún tipo. Sentidiño, por favor. E un pouco de cultura e historia. Así funcionan as sociedades avanzadas. Banzo a banzo, sen tales invencións