Matriarcas no país de Breogán

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

CESAR QUIAN

23 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Souben de Guadi Galego polo seu disco Lúas de outubro e agosto, moi principalmente polo tema Matriarcas, que empezou a circular con forza no ano 2014: un canto á muller dende «o país dun tal Breogán», di a letra. Muller forza, muller enerxía, muller esteo, columna que terma do mundo. Homenaxe ás nosas nais, ás nosas compañeiras, ás nosas avoas… Mañá luns lembramos o nacemento de Rosalía de Castro (1837). Dixémolo moitas veces: poucos pobos poden presumir de que o rexurdimento da bandeira do seu idioma, logo de séculos de abaixamento, a erguese unha muller. Non coñezo outro caso na historia. Rosalía de Castro é o símbolo da renacencia e da dignidade da lingua galega, e mais o símbolo da muller que, en tempos ben distintos aos de hoxe, afirma a súa condición e, chegado o momento, asume o goberno da casa de todos, o edificio da propia memoria, para que non esfrague (Viúvas de vivos e mortos, 1880). 

Guadi Galego vén de recibir o Premio á Promoción Plurilingüe do Estado español, promovido polos gobernos de seis comunidades autónomas que desa maneira celebran o Día Internacional da Lingua Materna, unha iniciativa da Unesco que comezou no ano 2000 e que intenta chamar a atención sobre a realidade plural dos idiomas do mundo. Nestes momentos hai algo máis de 7.000 linguas no planeta, a inmensa maioría en circunstancias moi apuradas. Segundo datos da organización internacional, cada dúas semanas desaparece un destes idiomas e, con el, vaise o universo que representa.

A denominación lingua materna está hoxe en proceso de revisión por parte da sociolingüística, que prefire falar de lingua inicial ou primeira para sinalar aquela na que o ser humano comeza a recoñecer a realidade. Outra denominación é lingua habitual ou de socialización, que escollemos para relacionarnos cos demais e que a meirande parte das veces muda segundo as circunstancias, as necesidades, os contextos onde a comunicación (intercambio de emocións ou de intereses) se produce. As sociedades desenvolvidas son, cada vez máis, plurilingües, nas que os individuos utilizan distintos códigos, con distintas intensidades, para relacionárense.

Pero hai unha lingua que nos sitúa no mundo e na que nos recoñecemos (e nos recoñecen), coma quen se mira nun espello. Guadi Galego (a matriarca) acaba de publicar un novo traballo no que recolle as linguas todas da península nun discurso común de afectos e solidariedade, de convivencia e recoñecemento: Immersion. O premio do que falamos aplaude ese traballo. Alén da súa calidade, que a ten, hai un aspecto a salientar: a súa dimensión pedagóxica, pedagoxía social, tan necesaria nestes tempos de confusión e demagoxia, da que ás veces semella que non damos curado. Somos cidadáns do mundo. Por iso amamos o noso idioma.