Matemática coronavírica

Jorge Mira Pérez
jorge mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

23 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos primeiros obxectivos da ciencia ante unha crise coma a do coronavirus é coñecer o seu mecanismo de espallamento. É un traballo de modelización matemática, para o cal, é fundamental reconstruír un mapa de cando e onde aparecen os casos. A partir de aí, pódese deducir cal é o modo de transmisión da enfermidade (pola auga, polo aire, pola saliva...) e predicir como vai ser a súa expansión no futuro, algo clave para poñer as cancelas necesarias e paralo a tempo. É, polo tanto, de máxima relevancia a toma de datos de aparición de novos casos. O Goberno chinés parece actuar con rixidez, pero os científicos encargados das modelizacións están amosando certa preocupación cos datos dos países limítrofes, porque os seus cálculos estiman que tiña que haber máis infectados que os que están declarando. Por exemplo, un modelo estima que Tailandia tivo que importar 207 casos de coronavirus nas dúas semanas previas ao peche da cidade de Wuhan, e nese país só se detectaron 33 ata esta semana (dos cales 23 estiveran en China). Países coma Malaisia, Vietnam, Indonesia e Cambodia tamén declararon menos casos dos que predín os modelos. A razón pode estar nos pobres sistemas de saúde deses países, aos que se lles estarían coando casos. Se houbese fugas fóra de control, o problema sería gordo, porque non serían tan eficientes coma os chineses para paralo. O grave disto é que, se as medidas de control fracasan, o coronavirus rompería o cerco e pasaría a ser endémico, e dicir, pasaría a atacarnos ciclicamente, coma a gripe. Case imposible de erradicar.